martes, 20 de noviembre de 2012

Enquisa intención de voto.

Deixamos á dereita da pantalla unha nova enquisa referida á intención de voto. O panorama político actual é tan convulso que pese a que se celebraron hai pouco eleccións ó Parlamento de Galicia, os resultados poderían ser moi diferentes a día de hoxe se fosen a nivel local. Un dos motivos é que moita xente vota a partidos diferentes dependendo o tipo de eleccións que se celebren (municipais, autonómicas ou xerais). Agradecemos a vosa sinceridade, xa que a enquisa e completamente anónima.

lunes, 19 de noviembre de 2012

O Turismo na Arousa



Analizando os datos da enquisa podemos ver que 8 persoas fronte a 1 cren que se debería fomentar un turismo de calidade na Arousa para non depender tanto do mar. 
Actualmente un porcentaxe maioritario da poboación activa do noso pobo vive directamente do mar, e case a súa totalidade (exceptuando funcionarios e algúns traballadores de empresas diversas) viven del indirectamente.
A Illa de Arousa ten un potencial turístico moi importante, pero moi pouco aprobeitando. Moitas veces cando se fala de turismo aparece a controversia e os exemplos de lugares nos que se apostou por un turismo masivo, causando un importante cambio na morfoloxía e no modo de vida da zona. A idea de turismo de calidade intenta fomentar o turismo sen danar o medio no que se asenta, non só dende un punto de vista ecolóxico, senón tamén dende o social. No caso da Arousa trataríase de que a xente que queira visitar o noso pobo o visite por como é, non tendo nós que cambiar para que nos visitase un tipo de xente concreto. Certo é, que para que isto pase temos que favorecer a construción de complexos hoteleiros pa que esas persoas poidan pasar os seus dias de vacacións aquí, e esta é unha das grandes deficiencias da Arousa. 
A xente que decide hospedarse nun hotel, so ten tres nos que elixir na Illa, e sen ánimo de ofender a ninguén, son de unha calidade bastante mala. Por outro lado temos os Cámpings, pero a súa situación non favorece nada a que a xente que alí se atope decida visitar o centro do noso pobo e así favorecer ó comercio e á economía da Illa.
A burbulla inmobiliaria estoupou e deixou na Arousa bloques de edificios de segunda vivenda, que pese a ser un tipo de turismo, pouco beneficia ó pobo da Arousa. Neses tempos todos escoitamos rumores de que empresas hoteleiras buscaban terreos na Arousa para asentarse, pero ó final non se construíu ningún. Ese turismo, con hoteis de 4 ou 5 estrelas, nos que se asentarían turistas con un potencial económico medio-alto, favorecería o comercio e a hostalería. 
En conclusión, se no lugar de construír tantos bloques de pisos se fomentara no pobo a construción de hoteis de calidade, favorecería moito a economía do pobo. Na Arousa temos praias, natureza, cultura e deporte, se fomentásemos un turismo de calidade sen afectar o medio nin o noso xeito de vida, favoreceríamos a nosa economía e seríamos mais independentes do mar.

martes, 13 de noviembre de 2012

10 anos despois.


Hoxe, a 13 de Novembro do ano 2012 cúmprense 10 anos da maior catástrofe ambiental, económica e social de Galicia. Hoxe cúmprense 10 anos do que puido ser o final do noso medio de vida, o mar. Ese mar que se tinguiu de negro afogando a riqueza natural da que viven os mariñeiros, unha negrura de loito que se antepuxo nas nosas vidas coma un augurio de morte.
A pesar de esa traxedia, hoxe, unha década despois seguimos igual. Os petroleiros seguen pasando ameazantes por diante das nosas costas, pero non é o chapapote o único verquido que nos debe preocupar. Os depósitos de Ferrazo seguen aí, cheos de morte, nunha das rias mais ricas do planeta, sen facer caso á sentencia que ditou a súa desmantelación.
Hoxe recordamos aqueles meses de desesperación dende outra perspectiva, como se fose xa en terceira persoa, pero pouca xente sabe que o Prestige segue aí, no fondo do mar, cargado de fuel.
Despois de moitos e erróneos cálculos o barco foi levado a mar aberto, coa intención de que se afundira e quedara sepultado no fondo do océano, calculando que as baixas temperaturas e as altas presións das profundidades solidificaran o fuel. Iso foi o que ocorreu, pero non se tivo en conta un factor: A auga do mar corroe o ferro dos depósitos, ata crear gretas. Ó ser o fuel menos denso que a auga, este, solidificado como se un cubiño de xeo se tratase, ascende á superficie, onde a presión e as baixas temperaturas deixan de existir, e volve a derreterse e a aboiar xa en estado líquido dirección ás nosas costas. Estes erros seguen sen estar penados a día de hoxe.
O que se fixo finalmente foi selar eses tanques e introducir neles bacterias que degradan o fuel, converténdoo en dióxido de carbono e auga. Esas 1000 toneladas que están aí, diante de nos, pero agochadas debaixo do manto mariño, acabaran de degradarse completamente entre o ano 2020 e 2025.
Non olvidemos que o noso medio de vida é fráxil, non esquezamos que ó depender del nós somos igual de fráxiles. Loitemos por que esta catástrofe non volva a ocorrer, e protexamos o que é noso, por encima dos intereses das grandes empresas petroquímicas. NUNCA MAIS.



Deixamos aquí unha reportaxe de Isabel Coixet que recomendamos que vexades, onde fai un paralelismo da catástrofe do Prestige coa situación económica actual. Titúlase Marea Blanca.



E por último lembremos todos aqueles dias, tal e como se viviron na nosa Arousa.



lunes, 12 de noviembre de 2012

O ser carcamán.

Posta de sol


Nós, os veciños da Arousa, estamos caracterizados por unha serie de trazas comúns polos que somos, para a xente dos pobos que nos rodean, facilmente recoñecibles. Apartando os prexuízos existentes hai que destacar un sentimento que temos notablemente esaxerado con respecto a outros pobos. Falando un pouco del é fácil descubrilo.
En algunhas conversas que mantemos aparecen as seguintes verbas: "Non sería capás de vivir nun sitio que non tivera mar". Certamente ocórrenos que, cando estamos lonxe do mar durante un tempo prolongado sentimos unha sensación de afogo. Ás veces notámolo nada mais chegar a ese outro lugar, outras, cando xa levamos un tempo lonxe, pero cando este sentimento aflora especialmente é, curiosamente, cando despois dunha estancia en maior ou menor medida prolongada, volvemos. Non podemos negar a sensación indescritible que é arrimarnos pouco a pouco á ponte, e, cando por fin chegamos a ela, mirar a esquerda e dereita e sentirnos un pouquiño mais libres.
Si, do que falo e da morriña, que mais que unha palabra e un sentimento, un sentir que compartimos todos os galegos, pero que, como dixen antes, na Arousa multiplícase.
Non podemos negar que canto mais lonxe estamos mais dependemos da nosa Illa. Que nos vamos de vacacións, pero si o regreso se atopa aquí o chamado síndrome "post-vacacional" mingua.
A xente do noso pobo emigrou por todo o mundo, e a vida levou a algúns deles a non volver a vivir aquí, pero son moi poucos os que non tentaron volver aínda que fora por uns dias, e ningún o que esqueceu a Arousa.
Mais non é so o mar o que nos fai ter esa morriña, e o noso xeito de vivir, porque vivir na Illa, non hai cartos que o paghen.



viernes, 9 de noviembre de 2012

Saúde.

Casa do Mar
Unha das grandes deficiencias da Arousa é a falta de un centro de saúde decente. Actualmente o noso ambulatorio atópase na Casa do Mar, pero quedase escasa. Nela podemos ver un gran numero de dependencias nun espazo moi pequeno, así como salas de espera nos corredores. Os diferentes organismos e os seus correspondentes partidos non fan mais que prometer e aprazar a súa construción nos terreos da Franqueira. Actualmente a pelota esta nas mas da Xunta co PP gobernando, pero esta necesidade xa existe dende hai moitísimos anos, e as cores políticas foron cambiando, pero nada se fixo. Por este motivo facemos un chamamento dende aquí a todos os organismos responsables para que satisfagan esta necesidade do noso pobo.

martes, 6 de noviembre de 2012

O Mar.

Fonte: La Voz de Galicia

Nestes últimos meses a consellería abreu a porta a un conflicto entre os traballadores do mar. Sempre se rumoreou entre os bateeiros que os camaroneiros de día afectaban mais ó mexillón que os de noite. Non podemos olvidar que as bateas son unha concesión cedida a unha persoa para adicala ao cultivo de marisco, neste caso mexillón. Debería poder outra persoa beneficiarse de esta concesión?
Cada vez son mais os mariñeiros que se adican a mais de unha arte, debido as escasas ganancias. Estes dias non é difícil escoitar entre os rañeiros palabras como: "O raño é unha fame", ou "Esto ten que romper por alghun lado". Por outro lado os traballadores piden á Xunta algo de piedade con respecto as inspeccións que fan pasar. Acércase a tempada de nadal, que sempre foi o desafogo de todo mariñeiro, pero este ano, promete quedarse escasa. Por este motivo as malas noticias referentes ó mar, coma esta do truel, afectan coma unha puñalada ó sector. Agrupacións do norte ou coma a de Vilanova contratan seguridade para as súas bateas. É tanto o dano que pode chegar a facer un trueleiro nas cordas coma para ser rendible o pago de seguridade privada? Quén o paga? Cales son as solucións que se poderían aportar a este problema? Debatamos.

lunes, 5 de noviembre de 2012

Comezamos.

Ponte da Illa


Nacemos hoxe, a 5 de novembro do 2012, con esta imaxe, a da nosa ponte.
O porqué da foto desvela a nosa razón de ser. Queremos ser a ponte de todo cidadán do noso pobo que queira facer ver o que pensa, os seus ideais. Expoñeremos temas de actualidade e da nosa vida cotiá, pero os verdadeiros autores de este blog sodes vós e os vosos comentarios. Gustaríanos que esto se convertise nunha ponte de debate, onde mariñeiros, empresarios, funcionarios, empregados, amos e amas de casa, xubilados, estudantes e parados compartamos problemas e solucións, pero sempre con respeto. Imos a aceptar comentarios anónimos, porque como dixo  Oscar Wilde, "O home é menos sinceiro cando fala no seu nome. Dádelle unha máscara e diravos a verdade"
Faládelle de este blog aos vosos amigos, aos vosos familiares, e así, entre todos, construamos unha Arousa un pouco mellor.
Gracias pola súa atención. Atentamente, un veciño.